Voltar ó Inicio











PREPARACIÓN DE CORDAS.

    En principio, temos xa instaladas no mar as liñas, e atados nelas uns lazos dos que logo se vai pendura-la corda. A distancia que hai entre cada lazo é de 400mm., aínda que se poida aumentar se se desexa. Para a instalación da corda o primeiro paso é preparala en terra. Cómpre preparar, loxicamente, tantas cordas como liñas teñamos instaladas no mar.

    Comezaremos por colocar en cada corda unhas variñas de ferro de 10mm. de diámetro aproximadamente, e cunha lonxitude igual á distancia de separación entre os lazos que deixamos atados na liña instalada, neste caso 400mm. (que é tamén a distancia de separación entre palillos).

    Na fotografía móstrase o sistema de cinta utilizado en Noruega, no que se aprecian as variñas de ferro suxeitas a esta cinta.

    A suxeición das variñas de ferro faise mediante abrazadeiras de plástico de fixación rápida. Figura 1.

    Cada tramo de corda ten 4m. de lonxitude, que é a distancia que hai dende cada lazo, na superficie, ata cada variña, no fondo. A distancia da variña é a mesma que a separación entre lazos, e tamén é igual ó espacio que vai dende un palillo a outro, 400mm. Por isto, entre a variña e o lazo haberá que colocar un total de 11 palillos, a saber, 10 palillos a 400mm. de separación máis un de suxeición ó lazo. Posto que dende unha variña á seguinte hai dous tramos de corda, temos que colocar un total de 22 palillos, dous dos cales son de suxeición nos lazos. Desta forma, cada variña ten por cada lado o mesmo tramo de corda ata o lazo, e por isto a súa posición será sempre horizontal. (Véxase figura 2).

    Para suxeita-las cordas á liña dispoñerase duns cabos delgados que soporten o peso das cordas, estes cabos terán feito un lazo corredío que se pasará por ámbolos dous extremos do palillo que imos colgar, exemplo: Entre cada variña débese deixar un espacio igual a dúas veces á altura do tramo de corda (4m.), e sumarlle a distancia que hai dende un lazo ata o seguinte (400mm.), é dicir, 8,4m.

    Para calcula-la distancia á que se debe colgar cada tramo de corda, contarémo-los palillos dende a saída da variña ou colocando palillos de distinta cor nos lugares onde se van colgar (véxase a figura 4).

    Na figura anterior apréciase o detalle da preparación en terra da corda, concretamente o tramo que vai dende unha variña á outra. Comeza cos palillos que van en ámbolos dous extremos da variña (1), doutra cor. A continuación, intercálanse 9 palillos negros (2), e logo outro de cor vermella (3), que é o de suxeición do tramo de corda ó lazo. O tramo seguinte comeza de novo co palillo de suxeición de cor vermella (4), logo os 9 palillos negros (2), e remata noutra variña (1), cos outros dous palillos de cor vermella nos extremos (3).


¿Quén Somos? - Catálogo - Manuais - Atención ó Cliente - Enlaces