|
PRIMEIRA POSTA.
Cando
se van implantar por primeira vez as liñas de cultivo nunha zona
onde non existía este tipo de cultivo, non é moi recomendable
colocar cordas para colectores de semente, xa que á ausencia de
mexillón adulto na zona, non puido haber aínda posta de ovos,
polo que a captación de semente sería practicamente nula.
Así
pois, nestes casos é aconsellable colocar semente traída de colectores
doutra zona ou recomendada das rochas.
En
colleitas sucesivas irá aumentando a captación por colectores
ata consegui-la cantidade desexada, sempre que se dean as condicións
axeitadas.
A
posta de semente nas cordas procedente das rochas, faise a man
sen reparar moito na formación do desdobramento. A razón é que
a semente pequena móvese con moita facilidade na corda, cubrindo
esta en moi pouco tempo, igual que sucede coa semente moi pequena
(1cm.), procedente de colectores.
En
cambio, cando a semente para retubar acada un tamaño superior
ós 2 cm., cómpre que a corda estea totalmente cuberta dentro dun
diámetro non moi grande, 10 cm. aproximadamente. Se a semente
é maior, 3-4 cm., podemos chegar a un diámetro de desdobramento
entre os 10 e os 13cm., nestes casos xa hai que emprega-la desdobradora.
O
desdobramento pódese facer de varias formas dependendo da cantidade
de semente e do emprazamento onde se van coloca-las cordas.
Non
é moi recomendable ter moito tempo a semente fóra da auga, máis
cando a temperatura é alta. Hai que pensar que a semente aínda
terá que ser manipulada para o seu debullamento e selección e
todo este proceso faralle perder parte da auga que contén no seu
interior. Isto pode afectar negativamente freando o seu crecemento
ata que non se recupere do proceso sufrido no debullamento para
o seu posterior desdobramento, anque é certo que non hai un gran
perigo de mortaldade.
Esta
é unha das causas que nos levaron a perfecciona-la acción da debulladora
sobre o mexillón, conseguindo na actualidade que esta acción se
efectúe dun xeito máis suave, evitando en parte a perda da auga
e permitindo así unhas condicións máis favorables para o molusco.
É
recomendable, sempre que sexa posible, face-lo desdobramento inmediatamente
despois de que a semente sexa extraída da auga. Este é un dos
factores que acntúan a idoneidade do sistema de long-line continuo,
que fai posible que a semente estea moi pouco tempo fóra da auga.
Outra
das vantaxes deste sistema é o pouco espacio que é preciso na
embarcación para realizar estas tarefas, aspecto este moi importante
cando se trata de embarcacións pequenas.
Dependendo
da cantidade de semente que imos recollendo, loxicamente producirase
un exceso importante, polo que nos veremos obrigados a coloca-lo
excedente de semente en novas cordas entre liña e liña. Hai que
pensar que normalmente o desdobramento faise cun tercio da semente
existente nos colectores, aproximadamente. Nestes casos cómpre
ter liñas libres para coloca-las novas cordas obtidas co excedente
de semente.
|